Máis de 200 frondosas crecen xa no “Bosque dos nenos” creado no Galiñeiro

En outubro do ano 2017 a vaga de incendios queimou o Monte Galiñeiro e o 80% da superficie da Comunidade de Montes en Man Común de Vincios. Como lembranza do que aconteceu a Comunidade de Montes creou o “Bosque dos nen@s”, un espazo de 6 hectáreas que dedicaranse a que todos aqueles pais e nais que queiran plantar unha árbore cando nace un neno ou nena ou cando está de aniversario, poderán facelo no monte. “Non podemos esquecer o que pasou e temos que traballar coa conciencia dos mais pequenos para o coidado do noso medio ambiente e con el, a xoia que é o Monte Galiñeiro, e que estes desastres non volvan a acontecer”, afirman desde a Comunidade de Montes.

A día de hoxe, o Colexio Andersen, o Colexio Castelao de Ordes, e Fiz e Eloi, celebrando o seu aniversario, xa plantaron máis de 200 frondosas. Esta foi a semente do proxecto. O único que pide a Comunidade de Montes é levar unha árbore (castiñeiro, cerdeira ou nogueira) e a planten compartindo a experiencia cos pequenos. A cambio, ofrecen un espazo único para poder plantalo que estará situado preto do merendeiro do Monte Galiñeiro, e sinalizado como “O bosque dos nen@s”. Ademais entregarán un diploma indicando a data, nome do pequeno ou pequena, especie da árbore, etc., recoñecendo o seu apoio na recuperación do monte e coidado do medio ambiente. E se queren, o publicarán no Facebook da Comunidade de Montes.

O monte terá carácter protector, polo que o seu fin non será a produción madeireira. Os interesados poden solicitar máis información na Oficina da Comunidade ou no teléfono 986 469 692 de luns a venres de 8:00 a 14:30 horas.