Baiona celebra a apertura do novo parque da Palma cunha festa infantil

O Concello de Baiona inaugura este domingo día 20 de xaneiro o novo parque da Palma, tras unha renovación integral da área de xogos existente, cunha ampliación da súa superficie de case 100 metros cadrados, para alcanzar un máximo de 560 metros cadrados de chan continuo. Para celebralo, a Concellería de Cultura organiza unha festa infantil con actividades totalmente gratuítas. Desde as 11:00 ata as 14:00 horas haberá animación circense, zancudos, fotomatón, photocall, obradoiro de maquillaxe, globoflexia, obradoiro de chapas e obradoiro de clay.

A actuación consistiu na retirada dos xogos existentes, a dotación para toda a superficie do parque dun novo pavimento acolchado, eliminando os dous espazos que ata agora estaban en terra. Na parte central, e como núcleo principal ao redor do cal se estrutura todo o parque, colocouse un xogo consistente nunha montaxe prefabricada modular con temática medieval. A un dos lados deste sitúase unha liña de randeeiras, e alén dese xogo central, outra serie de elementos menores (balancíns, carruseis, tobogáns, etc).

Tamén se aproveita a oportunidade para dotar ao parque de elementos accesibles a nenos con problemas de mobilidade ou deficiencias sensoriais, fomentando a non discriminación dos mesmos nos momentos de esparexemento, podendo gozar do mesma contorna que o resto dos nenos da súa idade. Ademais, instaláronse 6 papeleiras e 10 bancos.

O obxectivo do Concello era reformar o parque de referencia de Baiona e o Val Miñor e modernizar todas as instalacións, renovando unha zona de xogos que xa foi construída hai 25 anos e que ía quedando obsoleta en relación aos outros 15 parques dos que dispón o municipio. Ao longo das dúas últimas décadas o parque da Palma xa foi mellorado con constantes remodelacións, pero neste caso o equipo de goberno local pretendía un cambio integral nunha zona máis céntrica e emblemática da Vila por tratarse das instalacións máis utilizadas.