O Vigo-Rías Baixas aposta polo hispano-colombiano Santi Martínez

Un mozo escalador convértese na novena fichaxe do Vigo-Rías Baixas para o seu novo proxecto. Santi Martínez incorpórase á estrutura que preside José Luis Chamorro procedente do desaparecido Aldro Team. Nacido en Pereira (Colombia) e afincado desde os 5 anos en Palencia, este corredor sub23 brillou na súa etapa como júnior.

Martínez responde o perfil dos “escaravellos” do país cafeteiro. A súa calidade cando a estrada ponse costa arriba demostrouna na Volta á Rioxa 2017, carreira que se adxudicou defendendo as cores da formación cántabra Bathco. De aí pasou ao Aldro Team, conxunto co que descubriu o campo amateur a pasada campaña.

Ao termo dunha tempada de adaptación á súa nova categoría, Martínez viuse obrigado a cambiar de aires ao coñecerse que o proxecto impulsado por Manolo Sáiz non ía continuar nas estradas. «Decidín vir ao Vigo-Rías Baixas porque falei con Gorka Beloki e convenceume para fichar», sinala o hispano-colombiano de 19 anos.

Esta aposta de futuro da entidade olívica amplía unha nómina de reforzos, todos eles menores de 25 anos, que compoñen: Miguel González, Gabriel Ochando, Alejandro Rozas, David Domínguez, Víctor Hernández, Alejandro Martínez Bayán, Carlos Cobos e Samuel Blanco.

Presentación

O renovado persoal deste equipo que aspira a dar o salto ao profesionalismo xa ten data para o seu tradicional posta de longo. O próximo 2 de febreiro o Vigo-Rías Baixas presentarase oficialmente de fronte ao curso 2019.

O acto, ao que están convidados todos os simpatizantes do club, terá como escenario o Parador de Baiona. Unha cita ineludible para os amantes do ciclismo e na que ademais haberá sorteos, actuacións musicais e servirase un viño español.