Manifesto Miñor considera un “despropósito” gastar 85.000 € no novo parque lúdico e canino

Manifesto Miñor esixe ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, que se deixe de proxectos electoralistas e que atenda as necesidades básicas da poboación, en relación coa construción dun novo parque lúdico e canino a beiras do río Miñor, no que se prevé investir 85.000 €. Antonio Araújo considera que o anuncio deste proxecto, “feito con gran despregamento propagandístico e de medios técnicos: vídeo, infografías, planos…”, vén demostrar “a nova fase preelectoral na que acaba de entrar o Sr. Ferreira e que lle impide actuar con criterios de racionalidade política”. Para Araújo, “o conto é vender o que sexa gastando o diñeiro que non temos en propaganda”.

“O lugar escollido para semellante ocorrencia é onde a Xunta de Galicia quixo construír o macro bombeo de fecais (mal chamado tanque de tormentas), paralizado polo concelleiro de Urbanismo e que a día de hoxe aínda está sub iúdice… o que sempre demandaron os veciños da zona e Manifesto Miñor comparte, é acondicionar o terreo (tapar o buraco), sementar herba, plantar árbores autóctonas e poñer uns bancos (non máis de 5.000 € de gasto), como se fai nos países civilizados e modernos de todo o mundo: respectar as beiras dos ríos sen laxas, sen formigón, ou sen especies exóticas. Por certo, unha zona verde froito do Plan Xeral de 1997, aquel PXOM que nos deixou grandes espazos libres de edificacións, e que o PSOE tombou irresponsablemente deixando a Gondomar espido de ordenación urbanística ata hoxe”.

“Gastar agora 85.000 € nun parque que se pode facer con 5.000 €, anunciar un “pipi can” coma se vivísemos nunha gran urbe, e por encima negarse a asinar o convenio coas protectoras de animais para que poidan recoller e tratar dignamente aos cans e gatos abandonados, é un despropósito que só se explica pola proximidade das eleccións municipais. Con todo, o máis grave é que no termo municipal de Gondomar aínda hai centos de vivendas e decenas de barrios sen servizos básicos como auga pública ou saneamento, que con eses 85.000 € poderíanse ir acometendo esas obras e resolvendo o problema pero, como Paco Ferreira non quere obras soterradas que non se ven e por tanto non locen, prefire as que quedan como un escaparate aínda que non sexan tan urxentes”.

Desde Manifesto Miñor lembran que, por poñer un exemplo, 85.000 € é todo o orzamento que ten a Concellería de Benestar Social para todo o ano. “Que saiba o Sr. Ferreira que as parroquias tamén existen e que hai moitos veciños con necesidades urxentes que atender. Esas deben ser as prioridades nos tempos de vacas fracas”, conclúe Araújo.

Anuncios