A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños presentará este venres día 18 de xaneiro ás 19:00 horas no Liceo Marítimo de Bouzas o proxecto TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da unidade de xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000.
A xornada de presentación contará coa presenza de Jose Antonio Martínez Cedeira, biólogo, presidente de CEMMA e director do proxecto, e de Alfredo López Fernández, doutor en bioloxía e membro da entidade.
O Liceo Marítimo de Bouzas é onde ten a súa base a embarcación da CEMMA “Toniña Un”, coa que se levarán a cabo as mostraxes do proxecto, grazas á colaboración ofrecida por parte da entidade.
Nesta xornada, ademais de aportar información sobre os arroaces das nosas Rías e sobre o proxecto TurGaSur, exporase de qué xeito poderán colaborar co proxecto todas as persoas que o desexen. Para participar no voluntariado ambiental do proxecto TurGaSur poden contactar con cemmapresi@gmail.com.
O proxecto
O proxecto TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da unidade de xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000, posto en marcha pola CEMMA contando co apoio do Ministerio para a Transición Ecológica a través da Fundación Biodiversidad, está sendo executado entre decembro 2018 e outubro 2019. O seu obxectivo principal é contribuír á conservación dos arroaces a través das áreas mariñas Rede Natura 2000 e a participación social dos usuarios do mar.

