O Vigo-Rías Baixas refórzase co talento venezolano de Yurgen Ramírez

Un escalador afeito a competir no pelotón profesional recala no Vigo-Rías Baixas. O venezolano Jurgen Ramírez convértese na terceira fichaxe da estrutura presidida por José Luis Chamorro para a tempada 2022. O corredor do estado de Táchira, de 23 anos, logrou tres triunfos ao longo da última campaña.

Gañador o pasado mes de febreiro dunha etapa e da xeral da Volta Independencia da República Dominicana, carreira de categoría 2.2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI), tamén subiu ao máis alto do podio en España. Ramírez impúxose a finais de maio na segunda xornada da Volta a Alacante, vestindo as cores do Manuela Fundación, conxunto elite-sub23 ao que pertenceu durante 2021.

“O Makancan”, como así se lle coñece no seu país, é un habitual nos plans da súa selección nacional e antes de viaxar a Europa para enrolarse nas filas do Vigo-Rías Baixas defenderá as cores de Venezuela na Volta a San Juan, do 30 de xaneiro ao 6 de febreiro. Esta rolda que se celebra en Arxentina é a cita máis importante do ano no ciclismo de Sudamérica. Catalolgada de clase 2.1 pola UCI, este ano contará entre outros equipos World Tour coa presenza do Ineos.

Ramírez atópase na súa terra natal adestrándose con intensidade para preparar o seu explosivo arranque de ano. “Estou moi contento pola oportunidade que me ofrece o Vigo-Rías Baixas. Vai ser a miña terceira experiencia en España. Sei que se trata dun equipo moi competitivo”, indica o venezolano que se define como un corredor que “sempre tiven unha mentalidade gañadora”.

A preparación que está a seguir e a súa participación na Volta a San Juan espera que lle outorguen un punto de forma óptimo para a Copa de España, un dos seus grandes obxectivos en 2022. “Vou ir con todo, para dar o mellor de min e para axudar ao equipo. Sempre estou disposto a dar máis do 100% en favor dos meus compañeiros. Gañe quen gañe, mentres sexa un Vigo-Rías Baixas, imos estar todos contentos”, apunta Ramírez.

Esta incorporación únese ás dos júniors Martín Rey e Joao Leite. Antes de que conclúa o ano, o conxunto flúor ten previsto anunciar máis reforzos para o seu novo proxecto.