Nigrán remata as obras de impermeabilización da cuberta da escola infantil “A Galiña Azul”

O Concello de Nigrán rematou as obras de impermeabilización da cuberta na ala noroeste da Escola Infantil Municipal “A Galiña Azul”, investindo 20.000 € nesta segunda fase, xa que no curso pasado realizáronse traballos por 12.500 € na mesma liña. Cun custe total de 32.500 euros, ambas reformas correron a cargo da empresa nigranesa Alejos y Mella Construcciones, e perseguen o obxectivo de poñer fin ao problema de pingueiras en determinadas zonas cada vez que se rexistran varios días seguidos de choiva.

«Trátase dunha obra importante e demandada dende a comunidade educativa da Galiña Azul practicamente dende que se inaugurou, xa que debido a un problema construtivo se rexistraba humidade en determinados puntos», sinala o alcalde, Juan González, en referencia á única escola infantil pública de primeiro ciclo do municipio. «Temos un compromiso de goberno coa educación pública e de calidade», incide.

A obra, rematada a inicios de curso, consistiu na impermeabilización de petos e pretís mediante a instalación dunha lámina de PVC de 1,5 mm termosoldada, así como a colocación de cazoletas de desaugadoiro lateral e novas cazoletas e petrís.

Anuncios