Nigrán Decide denuncia que o Concello pagou 3.000 € por unha pista de petanca que non se realizou

Segundo Nigrán Decide, o Concello pagou 3.000 euros destinados á execución dunha nova pista de petanca no Torreiro de Priegue que non se realizou. Para poder pagar estas obras non executadas o goberno municipal recorreu a persoal alleo ao Concello para que asinasen a certificación final desta obra, pois probablemente non atopasen un funcionario no Concello que asinase a certificación dunha pista de petanca non realizada.

“Pode que non esteamos falando de grandes cantidades, comparándoas coa totalidade do orzamento, pero o goberno municipal ten que velar polo destino de todos e cada un dos euros da veciñanza”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que, “se as irregularidades desta obras, que poderían chegar ao 7 por cento do total, as extrapolamos a todas as obras do concello, entón estariamos falando de moito diñeiro. O goberno terá que aclarar a razón pola que recorre a persoas alleas ao Concello para certificar e pagar obras non realizadas”.

Ademais, Nigrán Decide denuncia que a pista polideportiva instalada no recinto infantil está colocada sobre unha base de formigón que presenta riscos para os nenos e nenas que usan esas instalacións, polos vértices e arestas existentes, polo que desde instan ao goberno a que solucione os problemas de seguridade desta zona infantil, antes de que haxa que lamentar unha desgraza, así como a dotación de algún cerramento a esta pista adecuado para que os balóns non vaian dar ás fincas lindeiras.

Anuncios