Detido en Vigo un baionés por presuntamente tentar estrangular á súa parella

A Policía Local de Vigo detivo o pasado domingo a L.F.V.M., un home de 45 anos, nado e domiciliado en Baiona, como presunto autor dun delito de violencia de xénero. Os feitos producíronse ao redor das 17:00 horas, cando unha patrulla tivo que acudir ao camiño Fonte Santa tras o aviso dunha veciña, que escoitara unha forte discusión con portadas e berros nun dos pisos do seu edificio.

Os axentes dirixíronse a el e foron recibidos por un home que se atopaba nun forte estado de axitación e que empezou a insultar aos axentes. Os policías instáronlle a que chamase á súa parella para comprobar que todo estivese ben, pero este respondeu que non chamaría a ninguén, poñéndose cada vez máis agresivo, polo que lle indicaron que se identificase, negándose en varias ocasións, ata que finalmente sacou unha carteira do peto do pantalón, tirándolla a un dos axentes, para acto seguido tentar agredirlle, momento no que ambos os dous policías procederon á súa inmobilización e posterior engrilletamento.

A suposta vítima non se atopaba no domicilio, senón que acudiu ao lugar pouco despois. Segundo contou, momentos antes tivo unha forte discusión coa súa parella, chegando este a suxeitala fortemente polo pescozo, tentando estrangulala. Con todo, nun momento dado púidose zafar del e acabou escondéndose no garaxe do edificio.

Anuncios