O BNG denuncia que as obras no centro de Gondomar deixan sen accesos ao Centro de Saúde

O BNG denuncia que, por mor das obras que se están a realizar no centro da vila, os accesos ao centro de saúde de Gondomar están pechados ao tráfico. Isto está a provocar que as persoas con mobilidade reducida non poidan ser achegadas en coche até as portas do centro para acudir ás súas citas médicas. A única opción para o paso de vehículos, sen ningún tipo de información nin sinalización, é a entrada por dirección prohibida a través da rúa Otero Pedrayo. As obras provocan ademais un auténtico labirinto cheo de barreiras arquitectónicas que dificultan os desprazamentos a pé e o paso de carriños de bebés e cadeiras de rodas polo centro da vila.

Por parte do concello non houbo ningún aviso previo ás obras e aos peches de rúas nin á poboación en xeral nin á veciñanza da zona. Nin sequera lle foi comunicada a situación ao persoal do centro de saúde para poder poñer avisos no centro ou ter apercibido ao servizo de ambulancias por se houbera algunha emerxencia.

“A pesar de que estes problemas xa se dan desde o luns e que foron denunciados no concello por familiares de persoas afectadas, a día de hoxe a situación segue a ser a mesma”.

Por esa razón, o BNG, a través da súa Responsable Local, Manuela Rodríguez, tamén presentou a súa denuncia. Desde o BNG “esiximos do Alcalde unha solución inmediata a esta situación, así como unha petición pública de desculpas pola súa falta de previsión e de alternativas aos accesos. É imperdoable tanta improvisación cando sabían perfectamente a data na que ían comezar unhas obras que son da súa responsabilidade”.

Anuncios