A Xunta ultima un novo produto turístico que poñerá en valor o potencial dos cascos históricos

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asistiu este martes a unha reunión presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, na que participaron representantes de diversos concellos de Galicia para avanzar o contido dun novo produto turístico que poñerá en valor o potencial dos cascos históricos da comunidade.

A reunión, celebrada en Santiago de Compostela, permitiu expoñer as liñas programáticas desta iniciativa, que será presentada na próxima edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur) e que profunda na aposta do Goberno autonómico por un turismo responsable, baseado nas persoas e que amplía e diversifica os circuítos dos viaxeiros en toda a Comunidade a través do turismo cultural, do turismo de compras e da gastronomía e a artesanía local.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, sinala que se trata de “un ambicioso proxecto da Xunta de Galicia para potenciar os concellos que contamos con Cascos Históricos, dándolle un novo enfoque e dinamizándoos como é o caso do noso en Baiona”. Rodal cre ademais que potenciará a desestacionalización, “que axudado polo incremento de peregrinos beneficiará á nosa hostalería e ao turismo en xeral”.

Anuncios