260 maiores participaron no programa “Xuntos polo Nadal” en Panxón e O Carballiño

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, acompañado do delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, visitou este luns a residencia de Tempo Libre de Panxón, con motivo do remate da última edición do programa Xuntos polo Nadal logo de dúas semanas de convivencia.

Neste centro de Nigrán e na Residencia de Tempo Libre de Carballiño aloxáronse 260 maiores desde o pasado 23 de decembro ao abeiro desta iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia.

Ildefonso de la Campa recordou que Xuntos polo Nadal cumpriu o seu obxectivo de garantir que as galegas e galegos de máis idade puideran celebrar o Nadal en compañía. Desta maneira, os participantes puideron desfrutar dun amplo programa de actividades como obradoiros de manualidades, baile, ximnasia ou excursións. Ademais das comidas especiais nas xornadas de Noiteboa, Nadal, Noitevella, Aninovo e Reis.

Cómpre recordar que Xuntos polo Nadal está dirixido a persoas que superan os 60 anos que viven soas nos seus domicilios. Deuse preferencia a aqueles maiores que sufrisen o falecemento do seu cónxuxe máis recentemente, os de máis idade, os que non participasen en edicións anteriores e os que teñan menos ingresos. De feito, aquelas persoas con ingresos inferiores ao Iprem (537 euros) asistiron de forma gratuíta e aquelas que estean por riba desta contía abonaron o prezo simbólico de 50 euros, que incluíu a viaxe desde as súas lugares de orixe á residencia e tamén o regreso unha vez finalizada a estancia.

Así mesmo, o desenvolvemento do programa contou coa implicación de voluntariado. Un grupo de 15 persoas (6 na residencia do Carballiño e 9 na de Panxón) proporcionaron apoio e acompañamento aos maiores, e tamén colaboraron nas actividades lúdicas que se realizaron.

Anuncios