Dificilmente os corpos de Garda Civil e da Policía Local de Gondomar poden preservar a seguridade se non dispoñen de persoal para garantir os dereitos dos cidadáns ou para cumprir as obrigas que a lei lles marca. Nin lles é posible asegurar o cumprimento da lei, nin a protección das persoas e os bens, nin a orde pública e a seguridade cidadá, nin a prevención dos delitos, nin a investigación de feitos delituosos, nin a recollida de información e a planificación de accións contra os delitos, nin a colaboración cos servizos de Protección Civil, nin a custodia das propiedades, dos edificios e instalacións públicas, nin a ordenación do tráfico, nin a persecución de delitos medio ambientais.
Segundo denuncia Manifesto Miñor, actualmente, doce son os efectivos totais da Garda Civil de Gondomar. Logo de establecer os cadros de horarios, en ocasións tan só é posible ter activa unha patrulla, para facer os labores propios do corpo fóra do cuartel. Esta patrulla soamente pode estar dispoñible para unha quenda. En tempos de vacacións do persoal ou enfermidade, a situación vólvese máis crítica, xa que a patrulla polas parroquias, ou pola vila, en ocasións desaparece. Tan só queda un efectivo da Garda Civil dentro das instalacións.
No caso da Policía Local de Gondomar, área da que o Alcalde é responsable, a situación aínda é máis dramática: a día de hoxe, tan só tres efectivos están operativos. Isto tradúcese nunha situación de precariedades no servizo: na práctica, só se pode ter a un funcionario en exercicio activo para atención á cidadanía do Concello e exclusivamente na quenda de mañá. “Nesta precaria situación semella difícil pedirlle que protexan o libre exercicio dos dereitos e liberdades da cidadanía ou que traballen na prevención e a investigación das condutas delituosas”, apunta Xosé Antón Araúxo.
Ademais, ao non dispor de policía polas tardes, as instalacións do Centro Neural permanecen pechadas, polo que non se poden utilizar por parte de colectivos veciñais e organizacións políticas ao non designar o concello unha persoa que as abra. “A seguridade é un dos bens que máis aprecia a veciñanza. En Gondomar, a situación é crítica e ningunha autoridade, nin gobernamental, nin local, demostra preocupación por un tema tan sensible para todos nós”, conclúe Araúxo.

