Gondomar recibirá aos Reis Magos na Praza da Alameda tras desfilar polo casco urbano

Gondomar celebra este sábado 5 de xaneiro a Gran Cabalgata que dá a benvida ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente a partires das 18:30 horas polas principais rúas do casco urbano, con recepción dos nenos e nenas na Praza da Alameda. Previamente, desde as 16:00 horas, pasará pola parroquia de Vincios. Anualmente, achegándose as datas de Nadal, instálase o “Buzón Real” preto do edificio do Concello e con tempo suficiente para que os e as pequenas que así o desexen poidan facer as súas peticións por escrito.

Este ano a Cabalgata conta coa colaboración dos Centros Culturais de Chaín e de Vincios, as tres asociacións de danza que hai no concello, as Rondallas de Vincios e Chaín, a Treboada de Donas, e moitos veciños e veciñas das parroquias de Gondomar, así que será unha Cabalgata de Reis longa, luminosa e sonora.

En tres carrozas motorizadas (remolcadas axeitadamente por vehículos) chegarán a Gondomar os tres Reis Magos acompañados de paxes reais, bailaríns, moita música e moita luz. Escoltados pola Policía Local, iniciarán un longo percorrido lanzando 1.000 quilos de caramelos ao público dende a rotonda de entrada en Gondomar (por Tui e Tomiño) formando ordenadamente a comitiva pola Avda. de D. Diego Sarmiento de Acuña (pasando diante da estación de autobuses) para entrar no casco urbano pola Avda. Elduayen e Rúa Eduardo Iglesias. Así chegarán ata a Praza da Alameda, onde se acomodarán en tres tronos decorados para recibir un por un a cada neno e nena que queira achegarse a falar con eles.