Adrián Valverde representará a Galicia no Campionato de España de Ciclocrós

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no II CX Poio Movese.

Recompensa máis que merecida para Adrián Valverde. O especialista elite do Vigo-Rías Baixas recibiu a citación da Selección de Galicia para participar no Campionato de España de Ciclocrós que se disputará do 11 ao 13 de xaneiro en Pontevedra.

O corredor de Baiona foi durante os últimos meses o gran dominador do calendario autonómico na súa categoría. Impúxose en 14 das 16 probas puntuables da Copa Galicia e a pasada fin de semana terminou segundo no campionato galego.

A de Pontevedra, no circuíto da Illa das Esculturas, será a quinta experiencia de Valverde nun Campionato de España desta modalidade. O seu mellor resultado ata o momento foi o sexto posto logrado como Sub23 hai dous anos en Torrelavega.

Nesta ocasión o representante da entidade presidida por José Luis Chamorro contará coa motivación extra de competir na capital da súa provincia defendendo as cores da Selección de Galicia.

Anuncios