Este domingo no Val Miñor o programa MasterChef acende os fogóns nas Rías Baixas

FOTO: TURISMO RÍAS BAIXAS // Gravación de MasterChef no Parador de Baiona.

Unha gastronomía con produtos de alta calidade, que combina tradición e vangarda, enmarcada nunhas paisaxes impresionantes. Así é a cociña das Rías Baixas, á que rende tributo este domingo o concurso de televisión MasterChef na segunda emisión da súa sexta tempada. O programa de TVE, unha das apostas estelares da grella, con 2,5 millóns de espectadores na estrea, trasládase este domingo día 29, coa colaboración da Deputación de Pontevedra entre outras entidades, á comarca do Val Miñor. Alí os aspirantes, baixo a supervisión dos chefs Pepe Rodríguez, Jordi Cruz e Samantha Vallejo- Nájera, darán renda solta ao seu talento culinario e servirán un menú típico galego a 120 persoas afectadas polos devastadores incendios que sufriu Galicia en 2017.

Para iso contarán coa axuda de Rafael Centeo, chef dun dos cinco restaurantes que contan con Estrela Michelín nas Rías Baixas. Os aspirantes acenderán as súas cociñas en Baiona. A emisión mostrará imaxes espectaculares desde o alto da vila e da Ría de Vigo, o que representa unha gran promoción turística das Rías Baixas. Baiona é o incomparable marco que, xunto cos concellos de Nigrán e Gondomar, foron elixidos para un dos exteriores desta sexta tempada de MasterChef.

Á degustación asistiu, entre outras e outros invitados, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen celebrou a proxección turística que a emisión de MasterChef supón para a provincia, e fixo unha alusión especial á camelia. Esta flor, de gran potencial gastronómico e que atopou nas Rías Baixas a mellor paisaxe para mostrar a súa beleza, terá unha presenza especial no programa. “É boa mostra da potencialidade da provincia e da súa necesaria posta en valor”, subliñou a presidenta da institución provincial, á que acompañou o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez.

Recoñecer a heroicidade galega

En aras de visibilizar o compromiso demostrado polo pobo galego coa súa terra e a súa heroicidade á hora de afrontar os incendios que o pasado outono supuxeron case oitenta mil hectáreas de superficie queimada, os concursantes, divididos en dous equipos, terán que cociñar para 120 responsables de tal fazaña un menú típico galego cos produtos de alta calidade da provincia de Pontevedra, que ademais será servido polo alumnado de hostalería do centro pontevedrés de formación profesional Carlos Oroza.

O programa rende unha homenaxe especial aos veciños de Chandebrito, unha das zonas máis afectadas pola catástrofe e o primeiro lugar onde se produciron vítimas mortais nos fatídicos incendios do pasado mes de outubro. Situada no concello de Nigrán, esta parroquia está a afrontar na actualidade a súa reforestación con especies autóctonas, para debuxar de novo a súa antiga paisaxe chea de vida e beleza.

Propostas para todos os sentidos

Unha contorna de ilusión acollerá o coñecido reality televisivo. Baiona, sinónimo de bo porto, conta cun característico casco antigo de rúas empedradas, declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico en 1993, e un carreiro litoral que une a praia da Concheira e o espazo natural da Foz do Miñor polo que calquera visitante pode descubrir unha incrible mostra da flora e fauna autóctonas e propostas hostaleiras para deleitar padais de todos os gustos.

Próximo a Baiona atópase Nigrán, coñecido polas súas impresionantes praias de fina area nas que practicar todo tipo de deportes acuáticos e apuntarse a algunha das numerosas ofertas gastronómicas da zona. A beleza do Val Miñor enriquécese ademais co rico patrimonio arqueolóxico e as vistas que desde o concello de Gondomar podemos gozar da serra do monte Galiñeiro e a ribeira do río que dá nome ao val, de gran valor ecolóxico e ornitolóxico.

E é que a provincia de Pontevedra destaca pola variedade e beleza do seu patrimonio fortificado, arqueolóxico e relixioso, rodeado de espazos naturais únicos como o estuario do Miño ou as Illas Cíes. Ademais a riqueza das súas festas e a súa gastronomía seguro que deleitan a quen se anime a coñecer un lugar único no que vivir historias inesquecibles, unha experiencia de 365 graos como a que seguro que lembrarán durante moito tempo os concursantes de MasterChef 2018.