10 competicións e varias citas internacionais marcarán a travesía do Monte Real Club de Yates en 2019

FOTO: LALO R. VILLAR // O Monte Real organizará en 2019 dez competicións.

Dez competicións deportivas marcarán a travesía do Monte Real Club de Yates neste 2019, un ano no que o histórico club baionés volverá situarse entre os máis prolíficos de España na organización de regatas.

Os J80 serán os encargados de inaugurar o calendario deportivo coa Liga de Inverno Clase J80 que o club organiza, desde hai anos, en exclusiva para estes monotipos con gran presenza en Galicia. Disputarase en seis xornadas durante os primeiros meses do ano, empezando o próximo 26 de xaneiro e finalizando o 6 de abril.

A seguinte cita no calendario do Monte Real, a primeira para os cruceiros, será o Trofeo Comunica, programado para o 20 de abril, coincidindo coa Semana Santa. A regata disputarase nunha única xornada e volverá contar coa colaboración do Real Club Náutico de Vigo, desde onde partirá a proba rumbo a Baiona.

O histórico Trofeo Repsol, un dos máis lonxevos da vela en Galicia, cumprirá este ano a súa cuadraxésimo segunda edición coincidindo, unha vez máis, coa ponte do primeiro de maio. A tradicional regata de primavera do Monte Real celebrarase os días 1, 4 e 5 de maio e nela terán cabida todo tipo de veleiros.

En maio tamén se darán cita en Baiona os máis pequenos, para competir no Trofeo Baitra de Vela Infantil, programado para os días 25 e 26. O Monte Real mantén así o seu firme compromiso coa vela de base, que impulsa a través da súa Escola de Vela e coa organización de campionatos específicos para os regatistas que se inician neste deporte.

O Campionato Galego de Solitarios e A Dous, que por quinto ano consecutivo recibe o nome de Memorial Rafael Olmedo en recordo do histórico presidente do Monte Real falecido en 2015, será o encargado de abrir o mes de xuño. Celebrarase o día 1 cun percorrido dunhas 30 millas para tripulacións reducidas ao máximo, cun ou dous regatistas a bordo.

Os alumnos da Escola de Vela do club terán o seu momento protagonista a fin de semana do 22 e 23 de xuño co Final da Liga Social Baitra MRCYB. A competición supoñerá a clausura dos cursos da tempada 2018-2019, aos que asisten, ao longo de todo o ano, numerosos nenos de diferentes idades.

En xullo chega o primeiro prato forte do calendario deportivo do Monte Real: o Trofeo Conde de Gondomar, que un ano máis volve ser Campionato de España de Altura. A cuadraxésimo cuarta edición da regata celebrarase os días 25, 26, 27 e 28 de xullo.

Dez anos menos, trinta e catro en total, cumpre o Trofeo Príncipe de Asturias, a regata máis importante das que se celebran na actualidade en Galicia e unha das máis destacadas do panorama náutico español. É unha cita ineludible para todo tipo de regatistas que atopan en Baiona non só a oportunidade de competir ao máis alto nivel, senón de gozar dunha auténtica festa da vela, con numerosas actividades de lecer. Este ano marcouse no calendario para os días 6, 7 e 8 de setembro e incluirá, como vén sendo habitual, a entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, a noite do 7 de setembro.

E a última cita regateira do Monte Real será para os J80. Os monotipos, encargados de abrir o calendario do club, serán os que lle poñan tamén o punto e final na Liga de Outono Clase J80, programada para os días 26 de outubro, 9, 23 e 30 de novembro.

Ademais das competicións estritamente náuticas, o Monte Real volverá celebrar en 2019, o 14 de setembro, unha nova edición do Vertiatlón Solidario, un tríatlon que o club organiza co obxectivo de recadar fondos para a súa Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade.

Un calendario con varios apartados internacionais

No calendario de 2019 do Monte Real Club de Yates hai tamén varias citas internacionais entre as que destacan unha visita de parte da frota do Royal Cruising Club, a asociación de cruceiristas máis importante do Reino Unido. Máis de 100 asociados nuns 20 veleiros recalarán en Baiona a comezos de xullo para gozar da navegación pola costa galega.

O Monte Real tamén será sede, en 2019, do Encontro Náutico do Irish Cruising Club. A prestixiosa agrupación de cruceiristas irlandeses reunirase no club baionés do 11 ao 13 de xullo.

Un mes antes, en xuño, farán parada no Monte Real os navegantes da vixésimo quinta edición do ARC Portugal, un rally promovido polo World Cruising Club; e tamén os participantes na regata Pornic Baiona, que se celebra do 5 ao 10 de xuño.

CALENDARIO MRCYB 2019