Bai.senpulgas recolleu en 2018 un total de 241 animais e suma 70.000 € de gasto

FOTO: BAI.SENPULGAS // Un dos paseos "perrunos" organizados por Bai.senpulgas.

A protectora de animais Bai.senpulgas fai balance do 2018. Durante o ano realizáronse un total de 183 adopcións, das cales 121 foron cans e 62 gatos. Desafortunadamente faleceron 38 animais (6 cans e 32 gatos). 14 gatos foron devoltos á súa colonia polo método CES (captura, esterilización e solta) e 3 aos seus propietarios. Todos estes datos fan un total de 238 saídas (127 cans e 111 gatos).

En canto ao número de animais recollidos foron un total de 241, 99 cans e 142 gatos, nos municipios de Baiona, Forcarei, Gondomar, Nigrán, O Rosal, Oia, Ourense, Pontecaldelas, Redondela, Tomiño, Vigo, A Guarda e Tui. Na actualidade soamente contan con convenio de recollida en Baiona, onde reciben 3.000 euros, e Oia, que achega 1.800. Con todo, o gasto total en Baiona foi de 12.105,37 euros (200 desparasitacións, 65 vacinas, 45 chips, 55 test, 20 esterilizacións, 5 operacións, 11 marcados), e de 5.197,54 euros en Oia (40 vacinas, 15 chips, 12 esterilizacións, 110 desparasitacións e outras 50 actuacións).

No 2016 os gastos totais foron de 21.000 euros, cantidade que se duplicou no 2017, pasando a 47.735,95 euros. O gasto total anual da protectora no 2018 foi de 70.155,74 euros. Bai.senpulgas só conta con ingresos fixos de 83 socios, que achegan 4.980 euros, e 22 empresas colaboradoras, das que recibiron un total de 5.313 euros.

“Moitas grazas a todos os que no 2018 colaboraron connosco, tanto doazóns de particulares, como colexios aos que fomos a dar charlas, locais que nos cederon espazos para concertos e postos, supermercados como o Carrefour de Sabarís que nos permitiu estar uns días recollendo donativos, aos concellos que contaron connosco para montar os nosos postos, ao Parador de Baiona, ás asociacións que sempre contan connosco en mercadillos, aos grupos de danza e grupos de música que de forma altruísta axudáronnos a organizar eventos… e grazas tamén aos voluntarios que sempre están aí, ofrecéndose para ir axudar en todos os eventos. Grazas a todos!!! Porque sen vós nada disto sería posible”, sinalan desde o colectivo.

Todo aquel que queira colaborar con Bai.senpulgas pode facelo na conta ABANCA ES30 2080 5015 6130 4002 8917, indicando nome completo e DNI.