Atopan unha cadela morta en Fontes atada pola patas de atrás

FOTO: BAI.SENPULGAS // A cadela atopada en Fontes.

A protectora de animais Bai.senpulgas denunciou este martes a aparición dunha cadela de raza Mastín morta en Fontes, na parroquia baionesa de Baíña, atada polas patas de atrás. Segundo relatan desde a asociación, como cada día saían ao seu encontro para gañarse a súa confianza e poder sacala da rúa. “Uns dicían… aí está ben, para que recollela? Ides quitarlle a vida… a vida xa lla quitaron… a rúa mata e os humanos tamén”.

“Atopámola fai un intre rastrexando a zona como cada día, porque facía 10 días que ninguén a vía. Criamos que parira xa que lle quedaba pouquiño. E así a atopamos. Mortiña atada polas patas de atrás, horrible. Millóns de grazas a todos os veciños e voluntarios que nos axudastes e non parastes de buscar para darlle outro final, o que se merecía… non puido ser… pero isto non vai quedar así”, advirten desde a protectora.

Desde Bai.senpulgas agradecen aos corpos do estado “que nos están axudando máis que nunca e en todo o que poden, viñeron voando nada máis chamalos. Esperamos conseguir que isto non quede así. Leváronlla ao centro de recollida e nuns días esperamos darvos máis noticias, pois Seprona e o centro estarán a traballar para dar unha resposta a todo isto”.

Desde o colectivo fan un chamamento a todo aquel que poida achegar algunha información. Poden contactar no teléfono 645 18 15 85. Non lla vían desde o martes 18 de decembro, a última noticia que tiñan dela foi da Policía ás 10 da mañá cando foron a buscala con voluntarios. “Sentímolo pequena, sentimos non poder facer máis por ti, fallámosche. Agora descansa, ocuparémonos disto”, conclúen.

Anuncios