Os “Arroases do Val Miñor” despiden o ano cunha San Silvestre en augas de Panxón

Os “Arroases do Val Miñor” reuníronse este domingo para despedir o ano cunha San Silvestre de natación na Praia de Panxón. Preto de medio centenar de amigos e amantes das augas abertas desafiaron ás frías temperaturas para completar uns 1.500 metros de percorrido.

Tras arrancar os seus mellores sorrisos nunha instantánea, enfilaron as escaleiras para comezar coa travesía pola costa, partindo desde o inicio do paseo, á altura das instalacións deportivas Dunas de Gaifar, ata a rampla do porto pesqueiro e volta, enfundados nos neoprenos para resistir mellor os 13º de temperatura do mar.

Despois de saír da auga brindaron polo novo ano 2019 no restaurante Punto e Coma, onde se despediron e felicitáronse as festas. Ademais, colaboraron co Panxón Nigrán FS, achegando alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene, que posteriormente serán repartidos entre a área de Servizos Sociais do Concello de Nigrán e Cáritas San Xoán Bautista de Panxón.

Os “Arroases do Val Miñor” son un grupo de amigos que comparten unha paixón: a natación en augas abertas no Val Miñor e arredores. Gústalles nadar, o mar e a zona na que viven. Ao unir os tres saíulles este grupo. O obxectivo da reunión é despedir o ano facendo o que máis lles gusta.