Gondomar pecha o Plan Concellos 2018 con dúas últimas achegas de máis de 93.000 €

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante sendas resolucións presidenciais, dúas achegas para o concello de Gondomar por un valor total de 93.491,71 euros, pechando así o Plan Concellos deste ano. En concreto, 47.804,68 euros serán destinados á pavimentación do camiño do cemiterio de Mosteiro e outros 45.687,03 euros van financiar a pavimentación da estrada de Vilarés (Vilaza) e da Pista do Castelo (Chaín). No ano 2019 a institución provincial pon a disposición de Gondomar ao través do Plan un total de 1.003.879,76 euros, un 3,5% máis que no 2018.

Este ano, ao través da Liña 1 do Plan Concellos, Gondomar tamén contou co financiamento de obras como a reforma do interior dos polideportivos de Gondomar e Donas, por 45.042,47 euros; o proxecto de urbanización da contorna do Peto de Ánimas de Piñeiro, por 70.060,29 euros; o proxecto básico e de execución para parques indoor e infantil en Avenida do Conde de Gondomar e Mañufe, por 58.193,29 euros; a reforma e pavimentación do camiño de Sequeiros dende a PO-341, por 165.075,55 euros; a reforma da Praza da Paradela e da súa contorna, por 159.764,09 euros; as obras de urbanización en Rúa da Igrexa, por 69.975,11 euros; a conexión coa rede de augas pluviais da primeira transversal San Bieito e Rúa Párroco Mariño, por 34.187,88 euros; e o proxecto de recuperación da Ponte de Ánimas e de mellora da súa contorna, por 42.155,31 euros.

No que corresponde á liña 2, a Deputación de Pontevedra destinou 92.360,80 euros e en canto á liña 3, outros 218.552,34 euros que foron destinados ao financiamento da contratación de 20 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello.

Anuncios