Baiona dá a benvida ao 2019 dous días antes

En Baiona xa é 2019. Centos de persoas abarrotaron este sábado a Rúa do Reloxo para recibir o novo ano en compañía de amigos ou familiares. Todos se tomaron as 12 uvas da sorte ao son das Badaladas de Pinzón, organizadas polo Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona. As campás da Torre do Reloxo, que datan do ano 1510, soaron como o fixeron as campás da Ex Colexiata cando chegou Pinzón a Baiona en 1493, pero neste caso para dar a benvida ao 2019.

A festa comezou ás 23:30 con animación na rúa a cargo de DJ Charlie de Vía Radio. Ademais, os locais adheridos ao evento proporcionaron as uvas gratis aos seus clientes como de costume, que estiveron acompañadas de Ñoclos de Pinzón gratuitamente repartidos entre todos os asistentes, por cortesía de Rosquillas Cristaleiro. Tampouco faltou o cava, o confeti e os fogos artificiais. Ademais, o evento pon un broche de ouro espectacular ao 525 Aniversario da Arribada da Carabela Pinta a Baiona.

Anuncios