O primeiro Café Solidario de Baiona reúne máis de 470 quilos de alimentos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Primeiro Café Solidario en Baiona.

O primeiro Café Solidario celebrado este sábado na Alameda Carabela Pinta de Baiona foi todo un éxito. A iniciativa, que consistía en intercambiar cafés e chocolates por alimentos, conseguiu reunir un total de 471 quilos de comida non perecedoira, como pasta, conservas, leite, legumes, aceite…

O evento foi promovido polo barista de Queimada Gastrobar, Rubén Rodríguez, quen estivo acompañado polo Chef do Parador de Baiona, Miguel Rodríguez, e polos usuarios de Avelaíña Asociación de Saúde Mental, que foron os encargados de servir os cafés e chocolates, ademais dun aperitivo achegado polo Parador, a todos aqueles que se achegaron para colaborar cun produto de primeira necesidade.

Tamén colaboraron o Concello de Baiona, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona e Samaín Producións. Todos os alimentos non perecedoiros recollidos irán destinados á ONG Ayuda al Mundo Necesitado, que será a encargada de repartilos entre as 60 familias que atende na actualidade.