Baiona contará co primeiro parque canino do Val Miñor

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Deseño do parque canino.

O Concello de Baiona presentou o proxecto do que será o primeiro parque canino do Val Miñor, volvendo ser un referente na comarca, e financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O lugar escollido para a súa localización será o Paseo de Monte Boi, no que a beleza paisaxística está garantida, próximo á praia de Os Frades, exposto cun deseño respectuoso coa contorna e sen actuacións agresivas que desluzan a paraxe.

Utilizarase xabre e grava pequena para a elaboración dos carreiros e zonas de estar, con céspede, pradería e especies arbóreas que sexan acordes coa contorna. Este espazo estará delimitado cun peche perimetral de madeira tratado, un sebe baixo de hortensias e metrosideiros illando a zona de paseo dos cans, que permita ao usuario gozar tanto das vistas como da tranquilidade da zona.

Dentro do mobiliario urbano co que se dotará esta instalación poderemos atoparnos con bancos de madeira tratados, fonte adaptada para que poidan beber os animais, contedor de excrementos en aceiro laminado, galvanizado e lacado con dispensador de sacos, papeleiras de madeira e un cartel coas normas de uso.

Ademais, para o goce dos animais, estes poderán contar con salto de cordas, corredor, anel e un espazo para o baño canino construído con grava moída non compactada para a súa drenaxe cun kit de ducha para cans.

O alcalde, Ángel Rodal, ve neste proxecto as expectativas cumpridas para todos os amantes dos cans, que viñan demandando un tipo de instalación como esta á concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, “que apostou desde o primeiro momento por sacala adiante para que o mellor amigo do home e da muller teña un espazo público á súa medida”.