Volta e Dálle presenta o seu disco “Quen te quere ben” en Vincios

Volta e Dálle presenta este sábado 29 de decembro o seu disco “Quen te quere ben” no Centro Cultural de Vincios, cun concerto que comezará ás 20:00 horas. Son un grupo de amigos apaixonados da música tradicional galega que comezaron no ano 2007 creando un grupo de música tradicional e unha asociación cultural no concello de Mondariz, de onde son orixinarios case todos os membros.

Co paso dos anos, foron cambiando o seu repertorio, pasando dun máis tradicional a un repertorio baseado en pezas de autoría propia. Nas súas letras intentan reflectir temas actuais e comprometidos, así como recordar as tradicións reivindicando a memoria. Como grupo de amigos, tamén acumulan experiencias xuntos, viaxes, vivencias… que se transforman en cancións.

O grupo foi crecendo e enriquecéndose coa chegada de novos membros, e a comezos do 2016 confórmase a actual formación do grupo. Volta e Dálle son Tomás Blanco (Gaita, zanfona, voz), Tino Blanco (Gaita, zanfona, clarinete, voz), Ismael Salgueiro (Acordeón diatónico, clarinete, voz), Óscar Domínguez (Tamboril), Blanca Estévez (Bombo, voz), Esther Lage (Requinta, pandeireta, voz), Olga Souto (Pandeireta, gaita, percusión miúda, voz), Rosa Couto (Saxo soprano, percusión miúda, voz).

Neste ano 2018 veñen de gravar con moita ilusión o seu primeiro disco, «Quen te quere ben», e seguen traballando en novas pezas.

Anuncios