Anuncios
Ticker de novas

Nigrán finaliza as obras de humanización da Praza de Parada tras un investimento de 91.000 €

O Goberno de Nigrán investiu na humanización da contorna do Torreiro de Parada 91.000 € a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O proxecto, firmado pola enxeñería “Piñeiro Fernández S.L.P” e executado por Construcciones Castro, executouse nun mes e contemplou a recuperación para o uso público de toda a contorna do Torreiro entre as rúas Camiño da Igrexa e Santiago de Parada.

Ata agora, este espazo estaba visiblemente deteriorado e envellecido e presentaba distintos tipos de pavimentos e sen iluminación adecuada, evacuación de augas pluviais ou mobiliario urbano. Por este motivo, e co fin de reverter esta situación, o Concello de Nigrán cambiou a rasante de “trasdós” do muro de pedra para crear unha única pendente, substituíndo parte da calzada de aglomerado por losetas de granito e dotando de iluminación e mobiliario urbano a toda a parcela, ademais de mellorar a seguridade viaria. A intervención permite potenciar o miradoiro, poñer en valor o muro de pedra actual e na zona de arriba o cruceiro.

“A tramitación deste proxecto resultou máis tediosa do esperado por ser un espazo especialmente protexido dende o punto de vista patrimonial, polo que requiriu un esforzo importante por parte de todas as administracións. O resultado final vén a demostrar que os dous anos de tramitación valeron a pena”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.

“Creamos un espazo máis limpo e integrado no que os veciños poderán desfrutar con todas as prestacións necesarias ao tempo que recuperamos e poñemos en valor o patrimonio de Nigrán. A humanización do Torreiro de Parada é unha reivindicación histórica da parroquia e un obxectivo deste goberno no que levamos traballando case dous anos”, asegura o alcalde, Juan González.

Anuncios