Advirten sobre o «uso de gaiolas Faraday» para tentar evitar as alarmas dos comercios

A policía Nacional de Vigo-Redondela quere alertar aos comerciantes sobre o uso de bolsos ou mochilas forrados con elementos metálicos para evitar as alarmas das pezas de roupa. Este sistema non é novo, pero en épocas de compras masivas, con grandes aglomeracións de persoas nos centros comerciais e diversas rúas cun gran número de tendas, este tipo de ilícitos fanse máis frecuentes.

Para evitar as perdas económicas que este tipo de feitos provocan no pequeno e gran comercio, así como a inseguridade que se traslada á cidadanía, desde esta Comisaría puxéronse en marcha os Plans Operativos de Nadal e Comercio Seguro. Ademais quérese dar a coñecer o modo en que estes delincuentes actúan, buscando zonas de gran afluencia de persoas entre as que pasar desapercibidos, calculando incluso o importe do que collen por se son detidos.

Na maioría dos casos utilizan bolsos ou mochilas que previamente forraron con material metálico, creando unha gaiola de Faraday que inhibe os sinais. Adoitan buscar produtos de fácil venda e de gran demanda que despois ofertan a través de internet ou en mercadillos locais.

Recomendacións

Estar atentos a aquelas persoas que busquen zonas da tenda, que non sexan visibles para o persoal, ou que se afasten cando se acheguen a elas. Prestar especial atención aos grupos de dous ou tres persoas nos cales unha persoa comproba a roupa e os demais observan aos empregados ou resto de clientes. Ás veces o cómplice vixiante realiza funcións de parapeto para tentar ocultar á persoa que esconde os artigos que vai subtraer, e mesmo tenta distraer ao persoal da tenda solicitando algún artigo cando ve que se achega.

Hai varios elementos que nos poden facer sospeitar, tales como:
– Clientes que miran roupa en zonas afastadas.
– Bolsos ou bolsas grandes e cunha excesiva rixidez.
– O uso de abrigos cando a temperatura do local non o require, así como pezas frouxas ou excesivamente grandes.
– Se se trata dun Centro Comercial con parking para vehículos, o acceso con bolsas de tendas que non se atopan no noso Centro Comercial debería alertarnos, xa que os clientes adoitan deixar as bolsas no coche.

A adopción de medidas para tentar evitar este tipo de feitos poderíase resumir en:
– Comprobación diaria dos arcos de seguridade.
– Colocación de espellos en zonas de difícil visión.
– Recolocación dos artigos máis caros ou máis facilmente ocultables preto da área de caixa.
– Se a zona de almacén non permite a visión cara á parte de exposición, evitar permanecer nela máis tempo do necesario.
– Ante calquera sospeita avisar sempre ao persoal de seguridade ou na súa falta á Policía.

2018-12-27 - 2018_12_27.1

Anuncios