O Panxón Nigrán FS organiza, coa colaboración do Concello de Nigrán, o quinto torneo solidario de Fútbol Sala de categorías basee, que terá lugar os días 28, 29 e 30 de decembro no Pavillón Municipal de Panxón. O domingo, a partir das 20:00 horas, o concerto de Argonat Band, organizado polo Concello con motivo tamén da súa San Silvestre Solidaria, clausurará o evento.
Unha tempada máis, como parte da campaña solidaria, os equipos participantes achegarán como «inscrición» alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene persoal e do fogar, que serán repartidos entre a área de Servizos Sociais do Concello de Nigrán e Cáritas San Xoán Bautista de Panxón. Para esta iniciativa solidaria esperan contar coa colaboración das familias do club, os veciños do Concello de Nigrán, os socios, os colaboradores, os patrocinadores e os equipos que participarán no torneo.
A entrega de alimentos e produtos de hixiene pode facerse ata o 29 de decembro na Bocatería Lalo’s (Panxón e Gondomar) e en Paula Gándara Estilista, e no Pavillón Municipal de Panxón, durante o torneo, o xoves 28 de decembro de 17:00 a 20:00 horas, o venres 29 de 10:00 a 20:00, e o sábado 30 de 10:00 a 18:00.

