Concello de Nigrán e Teatro do Ar organizan unha gala cultural para despedir o ano

O Concello de Nigrán e a compañía Teatro do Ar, organizan este venres 28 de decembre dende as 20:00 horas no Auditorio Municipal unha gala cultural para despedir o ano cun espectáculo de microteatro, danza e ilustración.

O grupo de mozos e mozas (ningún maior de 23 anos) representará un total de 11 pezas, cinco adaptacións de series e películas famosas e as outras seis delas creadas por Pedro Rodríguez, director do grupo, e nas que participarán as dúas bailarinas do ballet clásico Noa e Lara Garrido, e a ilustradora Paula González, que retratará a un voluntario sobre o escenario.

A obra na que participarán as integrantes do Ballet Clásico terá unha coreografía propia e acompañarán a dúas actrices de Teatro do Ar para interpretar “Parches”, un relato sobre o medo ao amor. Tamén Paula González, unha ilustradora de 22 anos, pintará un retrato en directo a un voluntario do público dentro da obra “Retratos”.

O espectáculo será gratuíto e vestirá de gala o Auditorio do Concello de Nigrán. Haberá un photocall ao máis puro estilo Óscar e nas paredes exporanse cadros da pintora de Nigrán, Martina Mourelle, e tamén haberá dous pequenos postos para apreciar a incipiente obra da ilustradora de Mougás, Sandra Rodríguez, de 20 anos, e da estudante de Belas Artes, Paula González.

Con este espectáculo ábrese unha porta para que os novos artistas do Val Miñor poidan demostrar o seu talento e as súas ganas de achegar ao arte e a cultura. Dende o Concello de Nigrán e de Teatro do Ar esperan que esta gala se poida converter nunha tradición máis no programa de Nadal de Nigrán.