Charla para entender como funciona a tecnoloxía que nos rodea en Porto do Molle

A startup Taller 7 MakerSpace (Rúa de Os Padróns nº1, nave 2, Polígono Industrial Porto do Molle, 36350 Nigrán) acolle este xoves 27 de decembro de 18:00 a 19:30 horas a charla presentación do libro “Aprender Arduino, prototipado e programación avanzada con 100 exercicios”. Contarán coa presenza do autor, o enxeñeiro e formador en electrónica e programación Rubén Beiroa, que se penetrará no IoT e na robótica axudando aos asistentes a sacar o máximo rendemento a Arduino. Ademais, explicará os exercicios prácticos que detalla no libro para levar a cabo proxectos robustos e cun aspecto profesional.

O obradoiro é gratuíto, previa inscrición e con prazas limitadas, dirixido a todo aquel que queira entender como funciona a tecnoloxía que nos rodea, mellorar as súas habilidades e facer realidade os seus proxectos e ideas. Os asistentes entenderán o funcionamento e a programación dos distintos tipos de comunicación que integra Arduino; desmontarán un Arduino e serán capaces de deseñar o seu PCB cunha contorna intuitiva; descubrirán as solucións que ofrece un condensador; aprenderán recursos de programadores profesionais; mellorarán as prestacións dun Arduino con módulos; e aprenderán a programar o seu propio interface de control para Arduino con Processing. Non son necesarios coñecementos previos, só ganas de aprender.

Anuncios