A Rondalla de Chaín actuará este sábado no Hospital Álvaro Cunqueiro

FOTO: CENTRO CULTURAL "A MERCED" DE CHAÍN // Actuación da Rondalla en Donas.

A Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín actuará este sábado 26 de decembro desde as 16:00 horas no Álvaro Cunqueiro de Vigo, cun pasarrúas nos exteriores do complexo e finalizando cun concerto no hall do mesmo, onde todos, enfermos, familiares destes e traballadores de todas as seccións, que queiran e poidan, gozan da súa visita musical.

“Cando nos puxemos en contacto coa xerencia do Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro dubidabamos se sería unha actuación apropiada para unhas instalacións destas características, pero entre todos atopamos a mellor maneira de poder chegar a un entendemento sobre a zona onde sería máis adecuado tocar, e tentar así, que a alegría do Nadal chegue tamén ás persoas que están a pasar momentos delicados e para os traballadores que fan que as estancias no Hospital sexan máis levadías”, sinalan desde o Centro Cultural.

As Rondallas son típicas da zona sur da provincia de Pontevedra que actúan, sobre todo, na época de Nadal. Desde fai catro anos, despois dun cambio na dirección e melloras a nivel musical, desde o Centro Cultural “A Merced” de Chaín cren que a súa agrupación está no seu mellor momento. Esta formación consta dunha base musical con instrumentos de vento metal (9 músicos) que están acompañados de 67 persoas que tocan instrumentos de percusión tradicionais (pandeiretas, cristos, roucos, cunchas, charrascas, castañuelas…), ademais de 8 abandeirados que acompañan a música con coreografías con bandeiras.

“Cremos que é un espectáculo, ademais de sonoro, moi atractivo visualmente, e con pezas no repertorio que van desde popurrís de “Os Pallasos da Tele”, Mecano, Rafaella Carrá, Boney M., pasodobres… que son moi facilmente identificables para todo aquel que os escoite, independentemente da súa idade”, conclúen.

O mesmo sábado ofrecerán senllos pasarrúas e concertos en Lavadores (Vigo) e en Pontevedra, ás 17:00 e ás 19:00 horas respectivamente, e un concerto ás 21:00 horas no Furancho do Lideiras en Chaín.