O CB Nigrán encesta máis alimentos que nunca na V edición do seu Torneo Solidario de Nadal

O Pavillón de Panxón acolleu durante dous días a preto de 700 nenos e nenas para celebrar a V edición do Torneo Encesta un Alimento que se converteu xa nunha cita obrigada do Nadal en Nigrán.

O torneo, ademais do deportivo ten un compoñente de solidariedade importante pois, cada un dos xogadores que participan achega alimentos non perecedoiros para ser entregados ao Banco de Alimentos. Máis de 48 horas de baloncesto, 60 equipos, preto de 700 xogadores e quilos e quilos de comida colleitados. Estes son os números do torneo máis grande organizado por este club en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, o Concello de Nigrán, o Banco de alimentos de Vigo e Frutas Nieves, que xa colaborou nas anteriores edicións achegando froita para todos os nenos participantes. Desde a categoría baby á categoría cadete, pasando polas categorías benxamín, alevín e infantil, desfilaron polo Pavillón de Panxón diferentes clubs, para gozar de dous días de deporte, solidariedade e convivencia.

Os partidos foron arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto e árbitros en formación que participaron voluntaria e desinteresadamente, como o fixeron en edicións anteriores.

No acto de clausura estivo presente o alcalde de Nigrán, Juan González, que entregou a cada neno participante unha medalla que acreditaba a súa participación no torneo. Como colofón disputouse un divertido encontro entre o equipo júnior feminino do club e un combinado de pais e nais.

A totalidade dos alimentos recollidos entregaranse ao Banco de Alimentos para destinalos ás familias máis necesitadas.