
O Concello de Nigrán realizou na mañá do venres un recoñecemento público a tres apicultores do municipio que combaten activamente a praga da vespa velutina na localidade. O acto realizouse durante a charla informativa ao respecto ofrecida por ASEFOGA (Asociación Forestal Galega) e a Deputación de Pontevedra no salón de plenos do Concello e á que asistiron decenas de apicultores interesados nesta loita.
Os apicultores e veciños de Nigrán Jesús Pereira, Dani Slizt e Alfonso Vázquez (este último edil de Participación Cidadá do Concello de Nigrán) retiraron entre os tres no municipio máis de 200 niños só neste ano 2018, actividade que comezaron desinteresadamente cando se detectou por vez primeira a presenza da especie invasora na comarca. Por este motivo, o Concello de Nigrán, a petición dos propios veciños, quixo recoñecer a súa labor. «A responsabilidade de combater esta praga é da Xunta, pero o certo é que en Nigrán estas tres persoas son as verdadeiras responsables de eliminar os niños altruistamente, traballan arreo día a día porque son apicultores plenamente concienciados da ameaza que supón a velutina», sinala o alcalde, Juan González.
Alfonso Vázquez, concelleiro do goberno local e apicultor da parroquia de Parada con máis de 60 anos de experiencia, fumigou ou retirou persoalmente algo máis de 160 niños na localidade só neste ano 2018, máis do dobre ca o ano anterior (foran 70). Precisamente, dende o Concello de Nigrán e a instancias de Vázquez, adquiriuse no 2016 unha pértega capaz de chegar a niños ata a 25 metros de altura, circunstancia que lle permitiu multiplicar o seu radio de acción. Ademais, dende a súa concellería téñense repartido entre particulares 350 trampas contra as avespas asiáticas e 250 litros de líquido atraínte (a base de feromonas) que permitiron eliminar nos últimos dous anos un mínimo de 2.500 raíñas cos seus conseguintes niños (segundo os expertos, asegurar a eliminación da raíña é o método máis eficaz para o seu control, xa que evita a produción de novas raíñas e a formación de colmeas, que poden albergar ata 2.000 exemplares).
«Este ano os niños están aínda activos por culpa das temperaturas suaves que estamos a ter, aínda esta semana retirei sete», explica Alfonso Vázquez, quen recibe case a diario chamadas de veciños para alertar da súa presenza. «Hai un mes crin que perdía un ollo por culpa dunha asiática que me lanzou o veleno cando se posou na casaca protectora, tiven que ir a Urxencias», comenta Alfonso, quen soe traballar co apoio de Jesús Pereira. Destaca este ano a presenza de moitos niños na parroquia de Camos, pero estes atópanse en todo o municipio, «entre os casos máis sorprendentes está un que retirei hai dous anos dun panteón no cemiterio de Nigrán», relata.
“A labor destes tres apicultores é imprescindible para que Nigrán dea unha resposta rápida a un problema coma este», resume o alcalde.