Ángel Rodal reúnese coas áreas de Turismo e Pesca da Xunta como presidente de Villas Marineras

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Reunión de Ángel Rodal coa Directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo.

Ángel Rodal, Alcalde de Baiona e Presidente de Villas Marineras, xunto á Xerencia da Asociación, Verónica Pichel e Fátima Cachafeiro de Avivae Soluciones Estratégicas S.L., reuníronse este venres en Santiago de Compostela con representantes da Xunta de Galicia. Así, leváronse a cabo dúas reunións, unha coa Directora de Promoción de Turismo da Xunta de Galicia, María del Carmen Pita, e por outro coa Directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo.

Ambas as dúas reunións tiveron lugar tras celebrarse as súas homólogas tanto co goberno de Asturias como co goberno de Cantabria no mes de novembro. Nesta ocasión, contouse coa oportunidade de presentar ante as Directoras pertencentes ás áreas de Turismo e Pesca de Galicia o proxecto de Villas Marineras, así como o seu Plan Estratéxico, facendo fincapé no marcado carácter colaborativo do proxecto que reúne a seis vilas costeiras pertencentes ás tres mencionadas comunidades autónomas.

A reunión coa Directora de Promoción de Turismo tamén serviu para abordar a posibilidade de formalizar un convenio bianual entre as tres comunidades autónomas representadas en Villas Marineras co propósito de desenvolver un procedemento común de colaboración interdestinos onde se inclúan accións recollidas na estratexia da entidade supramunicipal. Dita proposta foi valorada positivamente e informan de que procederán á súa análise, dado que supón unha boa oportunidade de mellora da competitividade, calidade e imaxe da marca Villas Marineras.

Doutra banda, na reunión mantida coa Directora de Desenvolvemento Pesqueiro aproveitouse para expoñer as inquietudes dos socios de Villas Marineras, sobre todo no relativo á problemática existente dentro do marco legal aplicable á actividade de Pesca-Turismo. Así mesmo, expúxoselle a posibilidade de levar a cabo convenios de colaboración entre os GALPs/GACs pertencentes ás tres comunidades ou mesmo entre as tres Consellerías.

A modo de conclusión cabe destacar a boa aceptación que tivo o Plan Estratéxico de Villas Marineras ante as dúas direccións, así como o anuncio de que estudarán a posibilidade de establecer diferentes vías de financiamento dirixidas a poñer en marcha acordos comúns a partir de 2019.

ÁNGEL RODAL REÚNESE COAS ÁREAS DE TURISMO E PESCA DA XUNTA COMO PRESIDENTE DE VILLAS MARINERAS
FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Reunión de Ángel Rodal Directora de Promoción de Turismo da Xunta de Galicia, María del Carmen Pita.
Anuncios