A Deputación, preparada para atender as incidencias do inverno na rede provincial

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Esparexedor de sal.

Os parques provinciais de maquinaria da Deputación de Pontevedra están xa preparados para facer fronte ás incidencias da campaña de inverno que comeza hoxe. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, as brigadas de mantemento e conservación dispoñen xa dos acopios de sal para protexer a rede de estradas provinciais das xeadas e da neve, teñen preparada a maquinaria necesaria -esparexedores e coitelas quitaneves- e realizada a planificación para os servizos especiais durante as festas de Nadal.

En total están dispoñibles máis de 100 toneladas de sal das que 25 foron para o parque de Ponteareas, sete para o de Gondomar, dez para o parque de Pontevedra, outras 30 para Codeseda e 30 para o parque de Lalín. Estes primeiros lotes ampliaranse cos contratos necesarios nas vindeiras semanas, en función do uso e da climatoloxía. En canto á maquinaria, está dispoñible o novo esparexedor de sal que foi destinado ao parque de Ponteareas, e trasladado á zona centro o antigo, ambos instalados nos correspondentes camións. A coitela quitaneves tamén está dispoñible no parque de Lalín.

Polo de agora, segundo apuntou o deputado de Mobilidade, aínda non foi necesario activar o protocolo de frío debido á suavidade das temperaturas, e non houbo complicacións nas zonas habitualmente máis conflitivas xa que se realizaron actuacións preventivas esparexendo sal tanto a primeira hora da mañá como a última da tarde nos puntos máis sombríos e húmidos, evitando placas de xeo na calzada e garantindo a seguranza viaria.

Fundamentalmente, debido á choiva, estanse a realizar percorridos para solucionar atranques nas taxeas, eliminar balsas nas calzadas e retirar pólas caídas co fin de evitar incidencias. “O que se está a facer fundamentalmente son traballos de prevención, por iso non se están a detectar problemas. En calquera caso, debido á chuvia, non son necesarios demasiados medios para o frío, xa que a auga non conxela”, explicou o deputado. De feito, durante os días de chuvia e vento anteriores, só se realizaron actuacións de retirada de árbores da vía e de solución de asolagamentos.

Ademais de realizar os mencionados traballos de prevención, as brigadas de mantemento estarán alerta nos vindeiros días para atender calquera emerxencia ou chamada do 112. De feito, segundo explica Benítez, as nove brigadas estarán activas durante os horarios habituais e en garda localizada durante os días de Noiteboa e Nadal para atender calquera posible emerxencia.