Os afectados polas cláusulas chan de Gondomar recuperarán unha media de 6000 €

Os afectados polas cláusulas chan recuperarán unha media de 6000 €. A sentenza do Tribunal de Comercio número 1 da Coruña que deu a razón aos clientes, entre os que hai bastantes de Gondomar, nunha reclamación xudicial presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) contra Abanca será firme cando o Fiscal non apele. Deste xeito, a entidade debe devolver o diñeiro que se cobra aos afectados con préstamos hipotecarios con cláusulas chan antes de maio de 2013.

A sentencia favorable aos intereses dos consumidores, incluídos os de Gondomar, pasará a ser firme xa que «Segundo declaración da Fiscalía de Galicia a Europa Press, o fiscal do caso tampouco recorrerá a sentenza”. Concretamente, mañá venres ás 15:00 horas faise firme a sentenza, acto seguido Acouga vai pedir a execución da mesma. Entre 15 e 20 días despois, Abanca fará o ingreso nas contas dos afectados; e se xa non teñen conta nesta entidade bancaria, esta depositará os cartos no Xulgado.

Desde Manifesto Miñor piden a todos os consumidores de Gondomar afectados, que participaron nas reunións impulsadas polo, daquela, concelleiro de Consumo Xosé Antón Araúxo, feitas no Centro Neural, ou que se incorporaron despois, que estean atentos ás novidades que irán publicando para facilitar o cobro inminente das cantidades correspondentes e do procedemento aconsellado para facelo.

Acouga ten un acordo de colaboración cun economista para que faga informes aos afectados do que lles corresponde recibir, se así o desexan e o solicitan. Este informe serviría como proba para reclamar diante do Xulgado se os cartos devoltos por Abanca fosen menores dos debidos. Con este informe os afectados saberían canto lle teñen que devolver. O informe custa entre 120 e 150 euros, e para os socios de Acouga 60 euros.

“A media que se calcula que recuperarán os nosos veciños é duns 6000 €. Para máis información os afectados poden poñerse en contacto con Manifesto Miñor en manifestominhor@gmail.com”, conclúe o ex concelleiro de Consumo, Xosé Antón Araúxo.