
A praia nigranesa de Patos sufrirá este domingo 23 de decembro unha nova marea vermella, a mesma que cada ano por estas datas protagonizan centos de afeccionados ao surf que, desafiando ao frío, enfróntanse á ondada vestidos de Papá Noel, trasladando así a Galicia un rito de benvida ao Nadal moi típico dos surfeiros australianos, aínda que alí nesta época é verán e fai calor.
A iniciativa, que xa é tradición en Nigrán despois de máis de dez edicións, lograba congregar a máis dun centenar de persoas no areal. Pero este ano uníronse as cinco escolas que operan na praia de Patos -La Conservera del Surf, Patos Surf, Point Break Patos, Txoko Surf Club Schola e Prado Surf- polo que ese récord seguro queda pequeno. Espérase a participación de máis de 300 Papá Noeles.
Os Papá Noeles dispostos a lanzarse á auga se enfundarán en traxes de licra vermellos cos seus correspondentes gorros e gozarán das ondas de Patos nestas datas tan sinaladas. Todo o material será proporcionado aos asistentes de forma gratuíta pola organización, o único requisito para participar é levar un quilo de alimentos non perecedoiros para os Servizos Sociais do Concello de Nigrán, que posteriormente repartirán entre as familias con menos recursos.
O mergullo terminará cunha chocolatada con doces típicos destas datas e un brinde do Nadal.