Vitoria e título para Adrián Valverde en Betanzos

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde.

Sobre o barro, Adrián Valverde certificou na localidade coruñesa de Betanzos o seu título Elite da Copa Galicia de Ciclocrós 2018. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas celebrou a consecución matemática do seu primeiro obxectivo da tempada asinando o decimoterceiro triunfo deste curso dentro da súa categoría. Foi o 12+1 para o “One Club Man” da entidade presidida por José Luis Chamorro.

Ata os últimos metros mantívose o pulso pola vitoria entre os elites. Valverde impúxose por 9 segundos a Jorge Punzón (Prebetong), quen necesitaba gañar en Betanzos e que o líder non puntuase para manterse con opcións na xeral. O podio nesta categoría completouno Luis Fernández Oliveira (Avanza) terminando a 1 minuto e 27 segundos do representante da formación con sede en Vigo.

Por diante dos primeiros elites clasificáronse tres corredores Sub23, con Iván Feijoo (Maceda) cruzando en primeira posición a liña de meta. A pesar deste triunfo, o ciclista do equipo ourensán non adianta na clasificación absoluta a Valverde, que se mantén en terceira posición con 10 puntos de marxe.

O de Baiona non o terá fácil para conservar ese posto a próxima fin de semana na dobre cita na provincia de Ourense coa que se despedirá a Copa Galicia. O sábado dispútase a penúltima xornada en Maceda e o domingo o certame autonómico baixará o pano Baños de Molgas.

Anuncios