O programa Falamos foi posto en marcha polo Concello de Gondomar no ano 2019, a través da Concellería de Xuventude dirixida por Nuria Lameiro Valverde, co claro obxectivo de crear un espazo de diálogo, visibilización e acompañamento tanto para a mocidade como para as familias. Un total de 1.099 mozos e mozas se beneficiaron desta iniciativa en anos anteriores e 148 adultos. A sociedade debe coñecer a realidade dos adolescentes e as familias non deben perder a oportunidade de poder axudarlles a través dese coñecemento.
Unha vez levado a cabo o traballo cos adolescentes nos centros educativos, dan paso ás familias. Levaranse a cabo dúas charlas, ás que emprazan a todas e todos os interesados a partir dos 14 anos no Centro Neural do Concello de Gondomar ás 19:00 horas. As citas e temáticas son o 19 de xaneiro co título de “Unha ollada ao abismo: emocións e conduta suicida na adolescencia”, na que se falará dunha realidade dos adolescentes que teñen ideas suicidas e que chegan á expresión máis drástica dunha dor emocional intensa. E o 26 de xaneiro co título “Novas formas de violencia dixital. O ciclo de captación Groomer”, para coñecer a relación que o fillo/a adolescente pode ter coas redes: ciberbullying, pornografía, sextorsión, relacións tóxicas, grooming, etc.
A conversa, a xestión emocional, o consenso e o coñecemento da realidade dos adolescentes é vital para ter un tránsito positivo pola adolescencia. Para elo, esta aposta do Concello de Gondomar traducida en 41 obradoiros levados a cabo nos centros educativos do Concello e dúas charlas para as familias. Para ambas charlas aconsellan inscribirse a través do correo omix@concellodegondomar.gal ou chamando á OMIX 986.369.746.

