Sereas para avisar aos veciños de Baíña en caso de rotura do encoro

O Plan de Emerxencias da presa de Baíña en Baiona realizou na mañá deste martes unha proba do sistema de advertencia por risco de inundación. Os dous xogos de sereas instaladas na parroquia, un deles no propio encoro, activáronse co obxectivo de garantir a operatividade do sistema, ao tempo no que o sinal acústico en caso de emerxencia faise recoñecible para os veciños e veciñas da zona afectada.

Esta actuación enmárcase na intensa campaña informativa que se está a levar a cabo a raíz da activación deste protocolo de seguridade. Así, unha vez completadas as obras de instalación do sistema, co que se dá cumprimento á normativa, o comité de implantación en colaboración co Concello elaborou unha serie de carteis e trípticos informativos nos que se recollen as zonas inundables, os puntos de encontro e as recomendacións á poboación.

Asemade, programáronse dúas charlas informativas, a primeira delas celebrada o pasado día 11 de decembro á que asistiron membros da Corporación municipal e representantes das asociacións veciñais, e unha segunda que tivo lugar este luns na Casa da Cultura de Baíña á que estaban convocados os veciños da zona de afección.

Previamente ao simulacro, celebrouse unha mesa técnica composta por persoal de Augas de Galicia, membros de Protección Civil e das agrupacións de voluntarios, dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais, da Garda Civil, da Policía Local e técnicos municipais.

En Galicia, actualmente hai 41 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalación, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno.

Aposta pola prevención

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior queren subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Anuncios