Sin categoría

Baiona abonará os 4 millóns do aparcadoiro do Aral co Remanente de Tesourería

O Concello de Baiona chegou a un preacordo con Abanca para o abono dos preto de 4 millóns de euros derivados do rescate do aparcadoiro do Aral tras a renuncia de Sofranda Gestao de Parques. O documento será presentado no próximo pleno, que se celebrará o último xoves deste mes, para a súa aprobación inicial. O pasado 15 de xuño unha sentenza obrigaba ao pago da devandita cantidade, que se facía firme un mes despois, o 16 de xullo. Durante estes cinco meses, o alcalde e o seu equipo de goberno sentáronse con Abanca co fin de negociar a liquidación da débeda.

O preacordo, dado a coñecer este luns polo alcalde, Ángel Rodal, a tenente de Alcalde, María Iglesias, e o concelleiro de Infraestruturas, José Ángel Bahamonde, contempla o pago da débeda en tres anos sen ningún tipo de interese utilizando o Remanente de Tesourería. Ao 14 de decembro, o Concello conta con 3.833.000 euros, polo que finalmente non será necesario solicitar un crédito, para o que se reservara nos orzamentos unha partida de 200.000 euros. “Non ten sentido ningún que endebedemos ao pobo de Baiona se temos o diñeiro”, destacou Rodal.

Tras a súa aprobación inicial en pleno, Abanca levarao ao seu consello consultivo, onde tamén debe recibir o visto e prace. Previsiblemente no próximo mes de abril volverá ser debatido en sesión plenaria para ser aprobado definitivamente, e realizar así o primeiro pago antes de xullo de 2019, que será de 2 millóns de euros. O seguinte millón abonaríase antes de setembro de 2020, e a cantidade restante, de 991.000 euros, antes de setembro de 2021. “O máis importante é que non hai endebedamento, non hai interese, a día de hoxe case temos o diñeiro, e case se podería pagar integramente, pero non o facemos para non descapitalizar o Concello”, sinalou o alcalde.

Rodal tamén lembrou que “desde que o xestionamos nós os datos son mellores que cando o facía a empresa, que construíra moi ben o aparcadoiro, pero con todo a xestión non a facían ben. Ao final dámoslle unha solución, é un ben máis dos veciños, pero sobre todo e o máis importante é que non hai ningún tipo de débeda”.

Pola súa banda, María Iglesias remarcou que “o Concello vai adquirir un inmoble que está a xerar diñeiro, dun valor de 7 millóns de euros, por menos de 4”, insistindo en que “seguirá tendo débeda cero a pesar de ter que rescatar o parking”. En opinión da tenente alcalde, ademais, “se se xestiona ben o parking, que o imos a facer, pode resolver o problema de aparcadoiro que hai en Baiona”.

Durante a rolda de prensa ante os medios de comunicación, avanzaron tamén que desde o consistorio está a ultimarse un plan de melloras que “redundarán nos veciños e na xente de fóra”, que se dará a coñecer máis adiante, e que incluirá novas “vantaxes” para os usuarios.

O aparcadoiro do Aral conta con 673 prazas e 3 empregados para cubrir as dúas quendas diarias de luns a domingo, de 7:00 a 15:00 e de 15:00 a 23:00 horas, e 4 durante o verán, cando se amplía o horario de apertura durante as 24 horas, cubrindo tamén a quenda de 23:00 a 07:00 horas.