Araúxo denuncia que a guía turística con 30 rutas de Gondomar está “desaparecida”

FOTO: XILBERTE MANSO // Petróglifo "A Pedra das Procesións".

Gondomar ten listas para activar 30 novas rutas de trecking, ou camiñadas máis curtas, para incluír en Wikiloc, unha plataforma que conta con máis de 4.000.000 millóns de membros. Desde o mes de marzo no que se acabou a recollida de datos e concreción dos roteiros coas súas características, fíxose un minucioso e pormenorizado traballo de dixitalización e subida á plataforma internacional de Wikiloc. Segundo denuncia Xosé Antón Araúxo, es concelleiro de Comercio e Turismo, nada disto se pode ver aínda en internet, porque o Concello non activou a súa visualización e a súa proxección mundial.

Ao tempo xa están impresos en papel, desde mediados de novembro, os 500 exemplares, de máis de 400 páxinas cada volume, coa detallada información de cada unha das rutas. Pero tal como acontece co proxecto dixital, tampouco foi distribuído entre establecementos hostaleiros locais, nin presentado aos medios, nin posto a disposición da cidadanía ou profesionais do turismo.

“Na Concellería de Comercio e Turismo tiñamos recollidos os datos desta guía de turismo desde marzo. Nela detállanse as 30 rutas de sendeirismo que recorren o patrimonio cultural, arqueolóxico, etnográfico ou natural do Concello de Gondomar. 30 novas rutas listas para visibilizar que se engaden ás 6 que xa estaban subidas na aplicación da Concellería de Turismo, que estaban a levantar a curiosidade de persoas de latitudes moi dispares do mundo. Publicadas xa en galego e castelán, estabamos á espera de facer a publicación en inglés para o vindeiro ano”, destaca Araúxo.

O ex concelleiro de Turismo asegura non entender a razón pola que todo este material esta “desaparecido”. “Se será por incapacidade de xestión, se será por que non se valora este tipo de proxectos para potenciar o Gondomar natural, ou se será por agachar o traballo feito polo anterior concelleiro de turismo, ou hai algunha outra razón que explique este estraño comportamento”.

En todo caso, Araúxo urxe a que este traballo sexa posto na rede e os libros sexan distribuídos entre os profesionais do sector.

Qué é Wikiloc?

Wikiloc é un site para descubrir e compartir rutas ao aire libre a pé, en bici e de moitas outras actividades, conta con 4.205.858 membros explorando e compartindo 10.4380494 rutas. Creada no 2006, polo enxeñeiro informático, amante da montaña Jordi Ranot, orixinario de Sant Feliu de Guixols en 1973, localidade costeira da Costa Brava en Girona, é hoxe un dos principais puntos de referencia mundiais para os amantes do traking e as camiñadas.

Wikiloc é sobre todo unha moderna e tecnolóxica mashup gratuíta onde se poden almacenar e compartir rutas ao aire libre, xeorreferenciadas (especialmente con GPS) e puntos de interese (waypoints) de todo o mundo. As rutas pertencen a distintas categorías segundo o desprazamento, destacando o trecking, o ciclismo e multitude de actividades máis. Wikiloc é ofrecido en varios idiomas. As rutas son un mapa simple de Google Maps, OpenStreetMap e outros mapas. O servizo está dispoñible en Google Earth como unha capa e aplicacións móbiles para iPhone e Android.