Nigrán renova os marcadores dos campos de fútbol municipais e as canastras do pavillón

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Instalación do novo marcador do campo de Condomínguez.

O Concello de Nigrán vén de investir 15.548 euros a través das baixas do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra na adquisición de senllos marcadores electrónicos para os dous campos de fútbol municipais (Condomínguez e Vilariño) e dúas canastras de teito para o Pavillón Municipal de Panxón. En ningún dos tres casos contaban anteriormente con estes elementos, nos campos de fútbol os existentes non funcionaban dende hai anos e no polideportivo as canastras eran todas portátiles, polo que se trataba de material moi demandado dende os clubs que empregan estas instalacións (ED Val Miñor-Nigrán, Racing Vilariño e Club Baloncesto Nigrán).

A empresa adxudicataria, Mecano Sport S.L., rematou onte de instalar os marcadores nos campos de fútbol e o luns deixará listas as canastras. Por unha banda, trátase de marcadores electrónicos de 200×130 cm fabricados en LED, visibles a 130 metros e con control inalámbrico vía radio. Por outro, as canastras regulamentarias, que se instalan suspendidas no teito do pavillón, contan con elevación motorizada con mando a distancia, o que permite que se regulen para basket ou minibasket segundo as necesidades de cada momento.

«Trátase dunha mellora substancial nas instalacións e dunha demanda dos clubs completamente xustificada», conclúe o alcalde, Juan González.

Anuncios