Nigrán inviste 5.000 € na creación dun parque biosaudable na parroquia de Priegue

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Parque biosaudable en Prado.

O Concello de Nigrán vén de investir 5.000 euros ao cargo do Plan Concellos 2016 para a construción do primeiro parque biosaudable da parroquia de Priegue cumprindo así coa petición realizada reiteradamente dende a Asociación de Veciños “A Irmandade” de Priegue.

Localizado en Prado, nunha zona verde de titularidade municipal ao carón da Estrada pola Vía, o espazo, antes sen uso algún, conta agora con nove elementos diferentes para facer ximnasia ao aire libre. Estes están deseñados para a práctica de exercicio físico de adultos e son especialmente recomendables para maiores de 60 porque lles permiten mellorar a mobilidade, aumentar a flexibilidade e tonificar a musculación de todo o corpo. Os aparellos foron combinados de xeito que os usuarios poden exercitar toda a súa musculatura ou mellorar a súa capacidade cardíaca segundo os seus obxectivos: hai elementos especias para os brazos, pernas, outros para abdome ou zona lumbar, glúteos, cadeiras, columna vertebral… Un panel explica a técnica para empregar en cada un e os seus beneficios.

“Con estes parques biosaudables estamos investindo na saúde dos nosos veciños proporcionándolles verdadeiros ximnasios ao aire libre onde, ademais, poder socializarse. Todos os novos parques que estamos a construír inclúen estes elementos porque somos moi conscientes dos seus beneficios”, explica o alcalde, Juan González. Así, o Concello de Nigrán instalou nos últimos tres anos parques biosaudables en Camos, paseo de Praia América, Chandebrito e Parque Mestre Vázquez Grela, tamén contará con este espazo o parque de Ana Isabel Costas, en Vilariño.

Anuncios