O Val Miñor sumou 22.000 quilos de comida na Gran Recollida Solidaria

FOTO: BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO // Voluntarios clasificado os alimentos da Gran Recollida Solidaria.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo contabiliza un total de 330.000 quilos de comida procedentes da súa sexta Gran Recollida Solidaria (GRS2018), celebrada os pasados 30 de novembro e 1 de decembro. Trátase dunha nova cifra récord, nunca antes conseguida.

Por zonas, en Vigo e arredores (Porriño, Mos, Moaña e Redondela) recibíronse 168.000 quilos de comida; en Pontevedra e as súas comarcas recolléronse 125.000 quilos; en Val Miñor contabilizáronse 22.000 quilos; e, en Baixo Miño doáronse 15.000 quilos de comida. Son 5.000 quilos máis de alimentos recadados con respecto ao ano pasado, confirmándose así novamente o éxito desta acción.

Desde a ONG agradécese publicamente a xenerosidade demostrada polas persoas que achegaron o seu granito de area no que, sen dúbida, é a súa fin de semana máis solidaria do ano. O presidente da entidade, Pedro Pereira, destaca a “sensibilidade” da cidadanía “cos que o seguen pasando mal” e lembra que “aínda que algúns índices macroeconómicos parecen mellorar, a petición de axuda continúa, chegando a repuntes puntuais nalgunhas ocasións”.

800 quilos de marmelada, grazas a David Amor

Mención especial para o padriño da GRS2018, o actor, humorista e deportista David Amor que non só estivo a recoller alimentos como un voluntario, senón que, ademais, conseguiu unha doazón extra de 800 quilos de marmelada por parte da empresa Helios.

Precisamente, o embaixador do Banco de Alimentos participou o pasado 30 de novembro -tras recoller comida en dous supermercados de Vigo e Pontevedra-, estivo noutro acto benéfico en Barcelona e foi aquí onde logrou que esta empresa valisoletana realizase dita doazón. As marmeladas chegaron á nave da ONG a metade desta semana e xa comezaron a repartirse.

Así mesmo, a entidade tamén quere destacar a actitude máis que comprometida dos 2.000 voluntarios e voluntarias que regalaron catro horas do seu tempo durante a GRS2018, facilitando as doazóns de alimentos de primeira necesidade. Grazas aos 330.000 quilos de alimentos logrados nesta GRS2018, o Banco de Alimentos poderá seguir axudando ás 25.000 persoas desfavorecidas ás que chega na provincia, polo menos, ata primavera de 2019.

Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu 1,9 millóns de quilos de comida e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida. A ONG, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúea a 25.000 persoas desfavorecidas na provincia.