Un veleiro termina varado na Praia de Santa Marta

Despois de permanecer á deriva pola baía baionesa, un veleiro acabou varado este xoves na Praia de Santa Marta. Segundo parece, o amarre no que se atopaba fondeado rompeu, e o vento arrastrouno ata o areal. Todo o litoral galego atópase en alerta laranxa por un temporal costeiro que comezou na tarde de onte. Rexistráronse ondas de case 7 metros de altura na boia de Cabo Silleiro e ventos de máis de 105 quilómetros por hora na Ría de Vigo.

A causa do temporal costeiro aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestas contornas, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldones, diques, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotor, así como, noutras edificacións que polas súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.

O venres Galicia queda na influencia dos ventos do suroeste que traerán moita humidade. Así, os ceos permanecerán cubertos durante toda a xornada, con choivas débiles máis probables na metade oeste. As temperaturas quedarán sen cambios significativos. O vento soprará do suroeste con intervalos fortes ao final do día no litoral da provincia da Coruña.

O sábado unha fronte activa, asociado a unha borrasca situada sobre Irlanda, afectará a Galicia. Por tanto, teremos un día de ceos cubertos, con choivas que comezarán pola mañá na franxa atlántica e que chegarán a toda a Comunidade co avance da tarde. As temperaturas ascenderán, especialmente as mínimas. O vento soprará forte do suroeste.

Despois do paso da fronte do sábado, o domingo quedaremos nunha situación de chuvascos, con entrada de aire frío. Así, os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos ocasionalmente tormentosos e acompañados de saraiba. As temperaturas sufrirán un descenso, máis acusado nas máximas. O vento soprará de compoñente oeste, forte no litoral norte e zonas altas.