Un total de 80 persoas participaron este mércores no obradoiro “O chocolate, un pracer saudable con condicións”, que se celebrou no Auditorio Municipal de Nigrán organizado por Ciudad Ciencia. Aínda que millóns de persoas en todo o mundo consomen chocolate a diario, a maioría descoñece que este produto é valioso grazas ao cacao, o seu ingrediente principal. O descubrimento recente de que o cacao é rico en compostos como os polifenois (con propiedades antioxidantes e anti-inflamatorias) estimulou a investigación dos seus efectos beneficiosos sobre a saúde. Pero, é o mesmo o chocolate que o cacao? Durante a sesión, investigadoras do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición (ICTAN) do CSIC resolveron esta e outras cuestións relacionadas coas falsas crenzas ao redor deste alimento. Esta mañá, foron os alumnos e alumnas do CEIP de Mallón os que participaron na actividade.
Os asistentes repasaron a historia do cacao (foi o botánico Linneo quen clasificou a súa planta en 1741 e o seu proceso de transformación en chocolate). Tamén se explicou cales dos seus compoñentes poden ter un efecto beneficioso para o organismo segundo as evidencias científicas. “Todas as investigacións realizadas confirmaron que o cacao achega unha gran cantidade de compostos con propiedades cardioprotectoras e, por tanto, a súa inxesta pode axudar a protexer a nosa saúde cardiovascular”, aclara María Ángeles Martín, investigadora do ICTAN.
A parte práctica do obradoiro consistiu nunha cata de chocolates á que estiveron convidados todos os asistentes. As investigadoras ensináronlles a degustar cos cinco sentidos distintos tipos de chocolates e a apreciar a calidade de cada un deles polo seu aroma, tacto, sabor, aspecto e son ao partir as onzas.
Ciudad Ciencia (www.ciudadciencia.es), é un proxecto de divulgación científica cuxo fin é que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. Nigrán é o segundo municipio galego que forma parte de Ciudad Ciencia, xunto con Cangas do Morrazo.




