Obradoiro gratuíto de montaxe de máquinas recreativas Arcade en Porto do Molle

A startup Taller 7 MakerSpace, situada no Parque Empresarial de Porto do Molle en Nigrán, organiza un novo obradoiro gratuíto de montaxe de máquinas recreativas Arcade aberto a todo o mundo (tamén para nenos e nenas, que deberán ir acompañados dun adulto responsable). Desenvolverase os días 14 e 15 de decembro, o venres de 16:00 a 20:00 horas e o sábado de 10:00 a 14:00 horas, no Taller 7 MakerSpace (Rúa dos Padróns nº1, nave 2, Polígono Industrial Porto do Molle, 36350 Nigrán).

Trátase dun obradoiro teórico-práctico para aprender a montar unha máquina recreativa portátil Arcade con conexión HDMI, tamén coñecida como Arcade Stick, e unha Bartop Arcade. Os participantes montarán as pezas, a alimentación eléctrica, aprenderán a manexar unha Raspberry Pi, configurarán o sistema media center, personalizaranas, e botarán unhas partidiñas. Non é necesario ter coñecementos previos, só ganas de aprender e ter unha actitude positiva cara os traballos manuais. As explicacións son sinxelas e sempre contan co apoio dos monitores especializados.

Os participantes empregarán un pequeno ordenador baseado en hardware libre (Raspberry Pi), construirán a estrutura de madeira da máquina recreativa ensamblando as pezas precortadas, aprenderán a conectar os joysticks, pantalla e pulsadores e, ademais, comezarán a introducirse no mundo da Raspberry Pi cargando xogos.

Ademais de asistir ao obradoiro gratuitamente poderán adquirir a súa propia máquina Arcade comprando o kit necesario para a súa elaboración coa axuda dos monitores. As prazas son limitadas. As inscricións poden realizarse a través da súa páxina web.