A Casa da Navegación de Baiona incorpórase á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos

A Casa da Navegación de Baiona pasou desde hoxe a formar parte dos centros REMA en toda Galicia. Así llo comunicou ao Concello María Xosé Alfonso, presidenta da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos, converténdose nun dos 12 centros admitidos en toda a comunidade, máis un internacional, o luso Museu Marítimo de Ílhavo.

Hai que lembrar que a REMA forma parte do proxecto Morada Atlántica -aprobado pola Consellería do Mar e financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- e que se encargaron de promover por primeira vez os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa Sostible e Costa da Morte. Máis tarde recibiría o apoio de todos os GALP.

O alcalde, Ángel Rodal, está moi orgulloso e satisfeito da decisión de incluír ao Museo da Navegación de Baiona na REMA e todo o que isto supón, xa que a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos é un salto máis no seu compromiso de abrir Baiona ao mar.

“Estou seguro que nesta aventura acompañarannos moitos máis interesados en pertencer á REMA, a cal xa nos transmitiu que en breve ten intención de crear unha exposición itinerante coa que achegar ao público os contidos deste amplo tecido cultural marítimo e ademais tamén se atopa xa traballando nunha peza audiovisual para a dinamización das instalacións. En breve completarán toda esta proxección coa creación dunha páxina web en varios idiomas que teñen previsto ter rematada para a próxima Semana Santa”, concluíu Rodal.

Anuncios