Unha estrutura galega con sede en Vigo converteuse nunha das opcións preferidas das promesas madrileñas para descubrir o campo Elite e Sub23. Gabriel Ochando e Alejandro de Rozas darán o salto en 2019 ao pelotón amateur defendendo as cores do Club Ciclista Rías Baixas. Estes dous corredores incorpóranse ao conxunto presidido por José Luis Chamorro procedentes do Sanse Rotor.
Seguindo os pasos doutros madrileños como Jaime Guzmán, o ciclista que máis tempo leva formando parte do persoal do equipo olívico, Ochando e De Rozas destacaron na súa etapa júnior coa Unión Ciclista San Sebastián de los Reyes. Esta entidade está considerada unha das mellores canteiras do ciclismo español e desde hai anos mantén un estreito vínculo co Rías Baixas.
Ochando confirmou na categoría júnior o potencial que demostrou cando se adxudicou o campionato cadete da Comunidade de Madrid. Nacido na capital de España no ano 2000, durante a última tempada proclamouse campión da Copa de Madrid e terminou undécimo no ránking estatal. Ademais, é o vixente campión autonómico de ciclocrós.
Ao seu lado foi progresando durante os últimos meses De Rozas. Resultados como o décimo posto asinado no Gran Premio Salchi avalan o crecemento deste corredor de 18 anos, valenciano de nacemento e que vive en Madrid.
Estas dúas fichaxes únense ao do vigués Miguel González e ás seis renovacións anunciadas pola dirección do club a pasada semana. Unha característica común destes corredores, e dos reforzos que aínda non foron desvelados, é que todos son menores de 25 anos, e por tanto poderán participar na Copa de España. O certame estatal será o primeiro gran obxectivo da tempada para o novo proxecto do Rías Baixas.

